viernes, 1 de febrero de 2013

Tempo de borrar...

Compartimos esta tarde con todos vós o artigo que ontes publicou Xosé Carlos Caneiro na súa columna De Bar en Bar na Voz de Galicia.

Borrarás... O tempo perdido, as despedidas sen regreso, os ollos da tristeza tan negros chapapote, a melancolía sen data de revocación, os que cambiaron un amigo por unha doutrina, os gritos, as malas caras, as caras dobres, os caraduras. Borrarás. As lúas que eran de lata, os ripios, as mentiras sen novela, as novelas ás que non volverás. Borrarás. A Brancaneves que se converteu en bruxa, o príncipe que levaba disfraz, as veces que non dixeron que te querían, as veces falsas, as palabras repetidas, as noites das que non sabes despertar, as metas truncadas: por derribo, por fatiga, por azar. Borrarás. Pero non borres as ganas. Que non arrebaten as ilusións. Ese desexo que pica no teu adentro para desesperadamente entregar, entregarte, xeneroso e sen reparos. As ventás abertas para proclamar ao mundo que estás, aínda. Que non van poder contigo, que non te derrotas perante este andazo de miseria e cinismo. Que hai mil soños mil por soñar. Que non tragas. Que pasas dos dogmas. Que es libre. Que es quen de saltar todas as barricadas. Os cómplices e reos de ilusión. Esta néboa que acariña. Eses recordos que revolven como púas a túa pel, ventre, ata chegar a ese lugar que chaman alma. Os boleros que cantarás con Mariló, que sempre cambia as letras: esta noche «penumbra» la farola del mar. Borrarás os que non estaban á túa altura, os que cambiaron o teu amor por escusas, os que botaron escombros sobre a túa tenrura de anís. Borrarás o odio e aos que odian. Os dedos acusadores. Os que non dubidan. As verdades absolutas. A falta de amor. A falta de luz. A falta de abrazos. Borrarás, borrarás, borrarás.


Xosé Carlos Caneiro. A Voz de Galicia. 31.01.2012



Borrarás ós que cambiaron o teu amor por escusas,
ós que botaron escombros sobre a túa tenrura de anís...

No hay comentarios:

Publicar un comentario